Tuesday 14 de May de 2024

“Contos de Misterio” na biblioteca municipal de Fene


Para conmemorar a festa do Samaín, a compañía “Ni fu ni fa Animación” presentará este sábado na biblioteca municipal “Pérez Parallé” de Fene o seu último espectáculo, “Contos de Misterio”. A función, organizada pola Concellería de Cultura e Ensino, está dirixida a nenos/as de 4 a 12 anos e comezará 12.00 horas. Entrada libre.

“Contos de misterio” é un espectáculo que mestura música tradicional, narración oral e maxia. A historia comeza cun estrano suceso que lle acontece a un gaiteiro que, sen querer, “descubre a un personaxe pouco usual xa que provén dun lugar de lonxe”. Da súa interacción e do descubrimento recíproco das súas realidades xurdiran contos, cancións, intercambio de coñecementos e algún que outro misterio mais.

“Contos de misterio” é unha actividade familiar de teatro onde ninguén pasa medo e que procura a participación dos presentes especialmente dos nenos/as, educando en valores como a igualdade de xénero e a integración cultural así como da existencia de realidades paralelas que poden parecer poderosas a simple vista pero que realmente forman parte da identidade de cada cultura.